4.4.06

Taquillas

A día de hoxe, quedan 2 taquillas libres, polo que imos convocar un novo prazo de adxudicación. A partires de mañá e ata o mércores 13 de abril poderedes recoller e entregar solicitudes no despacho de Representantes, no edificio anexo.


3.3.06

Preguntas e respostas sobre 1º e 2º ciclo:

¿Existen especialidades?

Non. O único que hai son itinerarios, no caso de Bioloxía, e unha orientación medio ambiental no caso de Química. Os itinerarios de Bioloxía son totalmente optativos e non inflúen na obtención do título de Licenciado. Para facer un itinerario é preciso cursar 42 créditos do mesmo (dentro dos 60 créditos de materias optativas)


¿De cantos créditos podo estar matriculado?

O número máximo para ámbalas dúas licenciaturas é de 108 créditos.


¿Que necesito para pasar a segundo ciclo?

No caso de Química, para acceder ó 2º ciclo (4º curso) é preciso ter superado o 70% dos créditos troncais e obrigatorios do 1º ciclo (103 créditos en total). No caso de Bioloxía, son necesarios 81,5 créditos de troncais e obrigatorias (50% dos créditos do 1º ciclo)


¿Que é a convocatoria de Decembro?

É unha convocatoria que se realiza durante un curso académico na que se realizan exames das asignaturas do curso anterior. A utilización desta convocatoria esixe a renuncia dunha das outras dúas oficiais (febreiro/xuño ou setembro). Nembargantes, esta convocatoria desaparecerá en breve.


¿Cantas de convocatorias de exame teño?

6 oficiais e unha adicional que é concedida polo decano da Facultade.


¿Que son os créditos de libre configuración? ¿Como se reparten?

Son asignaturas complementarias que non teñen por qué ter relación coa Licenciatura que se estea a cursar. O reparto por cursos que aparece na Guía do Estudante é orientativo, xa que se pode elixir cando cursalas.
Outro modo de obter créditos de Libre Configuración é a realización de outras actividades como cursos ou idiomas recoñecidos pola Universidade.


¿Como se calcula a miña nota media?

A nota media calcúlase mediante unha fórmula na que se multiplica o número de créditos dunha asignatura pola nota de esa asignatura e divídese polo número de convocatorias. A suma destes valores para tódalas asignaturas divídese polo número de créditos total.


¿Pódense cambia-las optativas elixidas?

Como o prazo de matrícula é o comezo do curso, cando se produce o cambio de cadrimestre pódense cambia-las optativas que se elixiron para o segundo.

9.1.06

Taquillas novas

Os alumnos con taquilla adxudicada terán que traer o seu propio cadeado e pasar polo despacho de representantes a elexir taquilla. Do mesmo xeito, deberán entregar unha copia da chave, que se lles devolverá o finaliza-lo período académico.

Lembrade: as taquillas pertencen ó Centro e ningún dos beneficiarios do seu uso é o propietario. Non esquenzades que os vindeiros anos serán os vosos compañeiros os que as utilizarán.

Respetade o material.

14.12.05

Preguntas e respostas sobre o terceiro ciclo

¿Qué requisitos teño que cumprir para face-lo terceiro ciclo?
Tes que estar licenciado nunha titulación relacionada co programa de Doutoramento que decidas e atopar un profesor que te tutele.

¿En qué consiste?
O primeiro ano tes que asistir a uns cursos que elixes (cun número de créditos determinado) e o segundo ano realizas dous traballos tutelados (equivalentes a unha pequena investigación). Tras isto, poderás realiza-la defensa do DEA (Diploma de Estudios Avanzados), requisito imprescindible para continuar co Doutoramento. Antes ou durante a defensa do DEA podes elixi-lo tema da túa tese Doutoral, pero deberá pasar un tempo antes de poder defendela. Ademais, DEA e Doutoramento poden trata-lo mesmo tema ou non, e tamén poden ter un titor diferente. A vantaxe é que se tratan o mesmo tema será como unha continuación da túa primeira investigación e levará menos anos terminala.

¿Canto tempo comprende?
A obtención do DEA leva dous anos. Se decides doutorarte, o período que transcurrirá dende que te licencies ata que o termines será duns 4 ou 5 anos (é unha referencia, non un valor exacto).

¿Qué sucede se non atopo un titor?
De quedar prazas libres no programa de Doutoramento que elixas, normalmente o Departamento podería asignarte un, pero non sempre sucede así. Lembra que o titor é un requisito imprescindible.

¿Son necesarias as bolsas?
Depende do profesor. Algúns decidirán tutelarte aínda que non che concedan ningunha, pero o mais habitual é que prefiran a alumnos cun bo expediente para que se comprometan a acaba-lo que comecen. Sen embargo, tamén atoparás algúns profesores que o que queren é un alumno con entusiasmo e interese pola investigación sen que lles importe a túa nota media.

¿Cando se abre o prazo de matrícula?
Despois dos exames de Setembro, para que se poidan matricular aqueles que terminen a carreira nese momento.

¿Qué ofertas ten esta facultade?
Depende do departamento. Podes consulta-las ofertas de toda a Universidade neste enlace.

No caso de Bioloxía, por exemplo, existe o programa de Bioloxía Ambiental, o de Bioloxía Mariña e Acuicultura, o de Xenética, Bioquímica e Biotecnoloxía e o interuniversitario de Neurociencia.


* Se queres face-lo terceiro ciclo e non estás seguro da túa admisión, non perdes nada por intentalo. Servirá para que poidas dedicarte á investigación ou á ensinanza e será un bo complemento para os teus estudos.

¡ADIANTE!

30.11.05

Problemas coas taquillas

Se a pechadura da porta da vosa taquilla non funciona correctamente, facédenolo chegar para informar ó decano de cales deben ser arranxadas.

Grazas.

11.11.05

Benvid@s ó centro de información dos estudantes de Ciencias da Universidade de A Coruña. Mentres non teñamos outro espazo na web da UDC, manterémosvos informados dende este blog.

Esperamos servos de utilidade.

PD. Tamén podedes enviar suxestións ó noso e-mail.